As vendas da agricultura ecolóxica galega medraron un 18% en 2019
As cifras seguen a avalar o auxe da agricultura ecolóxica certificada en Galicia. En 2019 o volume de vendas medrou un 17,88% por cento, achegándose aos 93 millóns de euros. Tamén medraron significativamente o número de produtores e elaboradores e a superficie certificada.
O leite segue sendo a actividade máis importante, con 33 millóns de euros, seguido pola carne, os ovos, un dos sectores que máis medrou en 2019, un 60 por cento, e a acuicultura e recolleita de algas.
A Unión Europea marcouse como obxectivo que o 25% do seu territorio estea declarado como ecolóxico en 2030. Dende Medio Rural van incentivar a incorporación das 70 aldeas-modelo que están a xestionar a este xeito de produción.
É o caso de Osmo, no Ribeiro, a primeira aldea-modelo que botou a andar, onde xa funciona unha inciativa de porco celta en ecolóxico.