CRTVG

Buscar

As vacinas de ARN mensaxeiro reduciron ata un 97 % a mortalidade nas residencias

Publicado o 24/06/2021 21:44

Xa se coñecen os datos do primeiro estudo de ámbito nacional sobre o impacto da vacinación nas residencias de maiores. Analiza cal está sendo a efectividade das vacinas de Pfizer e Moderna, e os resultados son realmente alentadores.

Este estudo conclúe que as vacinas de ARN mensaxeiro, as usadas en centros de maiores, teñen unha efectividade do 71 % fronte á infeción. Redúcense tamén de forma moi elevada os ingresos nos hospitais e logran reducir ata nun 97 % a mortalidade nas residencias.

Son datos moi esperanzadores porque os usuarios dos centros de maiores foron un colectivo especialmente vulnerable dende o inicio da pandemia, pero agora, coas pautas de vacinación completadas dende hai meses, a súa vida puido ir volvendo pouco a pouco á normalidade.

A efectividade das vacinas de ARN mensaxeiro entre os residentes dos centros de maiores foi o eixe dun estudo realizado polo Instituto de Saúde Carlos III e o Ministerio de Sanidade. A vacina é, din, a mellor medida de control da epidemia especialmente en grupos tan vulnerables como os maiores, por iso foron os primeiros en vacinarse.

Agardaron con ansia a vacinación e agora, tras meses coa pauta completa, din sentirse aliviados. Tras a vacina chegou a súa particular desescalada, as saídas e as visitas, unha única quenda para o comedor e as actividades en grupo.

Noticias web

24/06/2021