CRTVG

Buscar

As vacacións durante o confinamento han ser co acordo dos traballadores

Publicado o 28/04/2020 20:33

Vacacións durante o confinamento. É a solución á que chegaron algúns empresarios para afrontar os peches do estado de alarma. Unha solución ilegal se se fai pola forza, pero viable se é de mutuo acordo cos traballadores.

O estatuto dos traballadores é moi claro: as vacacións anuais establécense de común acordo entre o empresario e os traballadores. Pero a situación extraordinaria do estado de alarma, co peche forzoso de empresas e comercios da noite para a mañá, levou moitos empresarios a recorrer ás vacacións anticipadas.

Pablo Guntiñas, avogado de Comisións Obreiras en Ourense: "Moitos empresarios si que impuxeron as vacacións. Máis que impoñer, 'convidáronos' a que colleran as vacacións".

Se o traballador está dacordo, a cousa queda así. Se non o está, tamén deberá acatar a decisión da empresa, deixando clara a súa disconformidade.

Pablo Guntiñas, avogado de Comisións Obreiras en Ourense: "Que pasa, que logo pódese impugnar esa decisión empresarial xudicialmente e o xuíz pode dicir que se impuxeron de forma ilícita e que a empresa che ten que dar outros trinta días de vacacións".

A maioría dos casos non se xudicializaron.

Pablo Guntiñas, avogado de Comisións Obreiras en Ourense: "Tanto as empresas coma os traballadores temos consciencia de que estamos nun momento moi complicado e que hai que chegar a acordos. Estanse facendo arranxos... o famoso permiso retribuído, hai empresas que se anticiparon e xa estaban facendo algo así".

Finalmente a maioría das empresas afectadas polos peches forzosos optaron pola fórmula dos ERTE.

Noticias web

28/04/2020

Máis sobre actualidade