CRTVG

Buscar

As universidades priorizan a presencialidade dos exames incrementando as medidas sanitarias

Publicado o 24/01/2021 14:58

Os campus universitarios atópanse durante estas semanas realizando as probas de avaliación do primeiro cuadrimestre en plena terceira vaga do coronavirus. Para evitar o risco de contaxio dos recintos pechados moi concorridos, as facultades tiveron que recorrer a medidas excepcionais de seguridade.

Elena Vázquez, decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC): "Fixemos as contas para que entrasen todos, con todas as distancias de seguridade, graduados en tempo para evitar acumulacións. Ata o día de hoxe, todos se puideron realizar presencialmente, que ademais era o desexo tanto de estudantes coma dos docentes, e cómpre dicir que o personal de administración e servizos tamén axudou".

A evolución da covid−19 propiciou que moitas organizacións estudantís reclamasen a realización dos exames por Internet, pero dende o principio as universidades priorizaron as probas presenciais. Iso si, a opción telemática sempre estivo presente.

"Sempre se tiña en mente —indica a decana— que podería haber un plan B. Os docentes dende o primeiro día tiñan claro que ao mellor podía ser telemático se mudaba o escenario, e estamos a acatar as ordes que nos dean dende o punto de vista sanitario. Entón moitos xa tiñan metidos eses cuestinarios no campus virtual. Unha para estes casos singulares que se fixeron, pero afortunadamente non perigamos".

Na facultade de Matemáticas de Santiago, por exemplo, estanse a examinar estes días seiscentos alumnos e só en casos excepcionais houbo aprazamentos ou se optou pola opción telemática. En febreiro co inicio do novo cuadrimestre, mesturarase a docencia virtual nas clases máis teóricas coa presencial naquelas materias prácticas. Para máis adiante quedan os exames de xuño, pero a súa organización dependerá, unha vez máis, da evolución da pandemia.

Noticias web

24/01/2021