CRTVG

Buscar

As universidades galegas apostan pola presencialidade para o novo curso

Publicado o 26/08/2021 15:51

O día seis volven ás clases ás universidades, coa idea de que tamén volvan os estudantes ás aulas. "Creo que é o momento de recuperar a presencialidade e que a vida nos centros sexa o máis normal posible", afirma o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde. Iso si, aclara que será "mantendo as medidas sanitarias e de protección fronte á covid, e todos os procesos de seguimento". 

O límite a esa volta á normalidade será a capacidade de cada centro para garantir as distancias interpersoais, que na Coruña e en Vigo serán dun metro douscentos e en Santiago aínda debaten se deixala en metro e medio.

"O comité covid da USC reflexionará sobre esta circunstancia da distancia interpersoal, que condicionará o grao de presencialidade nas aulas", explica o xerente da Universidade de Santiago, Javier Ferreira. Afirma que o obxectivo da USC é "recuperar a máxima presencialidade, garantindo a seguridade".

E para máis seguridade, este ano os estudantes chegarán vacinados. "Practicamente todos terán polo menos a primeira dose, e iso dános unha tranquilidade, un colchón de seguridade", di Julio Abalde.

Na USC contemplan que o protocolo de illamento e corentena dos contactos estreitos poida ser menos estrito se están vacinados: "Hai moita poboación estudantil vacinada, e, polo tanto, é posible que os casos covid que poidamos ter non afecten substancialmente a actividade docente", di Ferreira. 

E no peor dos casos, Xunta e universidades teñen un protocolo previsto por se xorde un gromo. "No caso concreto de que haxa un gromo ou algún problema específico nalgún centro, teremos un plan de continxencia preparado para poder seguir o proceso educativo" explica o conselleiro de Educación, Román Rodríguez. 

Coa axuda das máscaras, a distancia interpersoal e a vacina, as portas da universidade quedarán abertas o próximo día 6.

Noticias web

26/08/2021