CRTVG

Buscar

As universidades de Santiago e Vigo manteñen os exames presenciais malia as peticións do alumnado

Publicado o 11/01/2021 18:14
As universidades de Santiago e Vigo manteñen os exames presenciais malia as peticións do alumnado

As universidades de Santiago e Vigo decidiron manter a presencialidade dos exames de xaneiro a pesar da campaña impulsada por estudantes para pedir que estas probas se realicen de modo telemático. Esta petición, na que os mozos apelaban á avalancha de contaxios de covid-19 rexistrados tras o Nadal, contou co apoio de milleiros de firmas para instar os equipos de Goberno do tres institucións académicas a implantar fórmulas en liña en lugar de probas presenciais.

Santiago e Vigo foron as primeiras en comezar o calendario de exames e en defender o mantemento da presencialidade, que se deixa en mans de cada centro. O xerente da USC e responsable do equipo covid remitiu un comunicado dirixido á comunidade universitaria para comunicar esta decisión, en consonancia coa decisión da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de manter a presencialidade no resto de niveis educativos. 

Ferreira defende que a institución demostrou contar con espazos "seguros" neste contexto a partir da aplicación e o respecto dos protocolos de actuación, e insiste na necesidade de garantir "a igualdade de oportunidades". A asociación estudantil Anega censurou que a maioría de facultades manteñen a presencialidade e advertiu de que esta situación está "a pór en risco a saúde do alumnado" tanto nos desprazamentos como nas aglomeracións que se producen na entrada e saída das probas.

A UVigo tamén mantén o modelo previsto: cada facultade organizase e depende de cada centro a celebración de probas presenciais ou online. O reitor, Manuel Reigosa, asegurou esta fin de semana nun acto que a institución está preparada en caso de ter que recorrer aos exames 'en liña', pero que se estudará no caso de que sexa "necesario" pola evolución da pandemia. 

A Universidade da Coruña, pola súa banda, está avaliando a petición do alumnado, posto que os exames non arrincarán ata o próximo 18 de xaneiro. En todo caso, a institución asegurou que o equipo de Goberno valorará a solicitude nunha reunión este mesmo luns, pero que en todo caso a decisión tomarase en función das recomendacións e o criterio das autoridades sanitarias