CRTVG

Buscar

Ferrol, primeira área sanitaria libre de coronavirus e Galicia sen pacientes en UCI

Publicado o 19/07/2020 12:01
Ferrol, primeira área sanitaria libre de coronavirus e Galicia sen pacientes en UCI

Os hospitais galegos non teñen xa pacientes ingresados por Covid-19 nas UCI, xa que recibiu a alta o último que quedaba en Vigo, e 8 positivos están en unidades de hospitalización. Os casos activos baixaron a 207, once menos que o sábado. 199 están en seguimento domiciliario. A área sanitaria de Ferrol é a primeira libre de coronavirus coa alta do último paciente con Covid-19 que estaba en seguimento domiciliario.

A maior diminución de contaxios produciuse en Lugo con 139, 8 menos que o sábado, 30 na Coruña, un menos e a cifra permanece estable en Pontevedra con 9, en Ourense con 5, en Vigo con 17 e 7 en Santiago.

Xa se curaron 11.070 persoas, con 16 novas altas desde o sábado, co que serían 5 os novos contaxios en Galicia. A cifra de falecidos mantense en 619 persoas desde hai varias semanas. O  número de PCR realizadas é de 233.015. 

 O brote da Mariña redúcese en sete casos nas últimas 24 horas 

Os casos activos relacionados co brote da Mariña pasan dos 119 do sábado os 112 deste domingo con 7 novas altas e ningún novo positivo. Nas 63 PCR realizadas a persoas relacionadas con este brote nas últimas horas non houbo ningunha positiva.

Dos 112 casos activos a maioría son asintomáticos ou con síntomas leves, e catro persoas seguen ingresadas con Covid-19 no Hospital da Mariña con prognóstico favorable.