As tubaxes da auga rebentan dous días seguidos na parroquia de Landrove, en Viveiro
As tubaxes da auga da traída sufriron roturas dous días consecutivos na parroquia de Landrove, en Viveiro. Unha vez reparado o primeiro rebentón, a rede volveu rebentar noutro punto, desta volta á beira mesmo dunha vivenda, onde están a traballar os operarios para substituír a tubaxe rota. Como resultado, os veciños do barrio da Ponte quedaron sen subministración ata en dúas ocasións en menos de 24 horas.
"Cando o soubemos foi cando se ía deitar o meu home, ás doce da noite. Abriu a billa do lavabo e viu que non había auga. Pola mañá xa había".
"O que pasou foi que rompeu a tubaxe de fibrocemento, que ten moitos anos de vida útil. E iso unha vez rompe, probablemente volva romper ao lado. Hai 48 horas rompeu nun punto e ao día seguinte, máis ou menos á mesma hora, volveu romper, e sae un caudal de auga moi elevado. A tubaxe abastece o que é o depósito de cabeceira de todo Viveiro e sae moita cantidade de auga".
Hai tres anos, a rede de abastacemento de auga xa rebentara xunto á mesma vivenda, que daquela tamén resultara anegada. Os veciños da zona sinalan que o problema non se acabará de resolver mentres non se substitúa a tubaxe enteira.
"Dentro non hai máis que reparaduras diso, e entón habían de instalar outra tubaxe mellor".
"Hai tres anos xa rompera outra vez, máis ou menos na metade da costa. O que problema é que cando rompe cerca do depósito ou na metade da costa baixa unha gran cantidade de ramas e de follas, que cando chegan a esta reixa atráncase todo, empeza a subir a cota de auga e entra na vivenda".
As tubaxes que rebentaron teñen uns 45 anos de antigüidade.