CRTVG

Buscar

As tres universidades galegas contan con cadanseu protocolo adaptado á era covid

Publicado o 02/09/2020 19:04
As tres universidades galegas contan con cadanseu protocolo adaptado á era covid

As universidades galegas inician a conta atrás para o regreso ás aulas. Tras un breve atraso debido á celebración da convocatoria extraordinaria de selectividade, as facultades volverán abrir as súas portas para partir do 21 de setembro nas tres institucións académicas.

Cada unha delas contará con plans de adaptación e protocolos cos que se expoñen lograr a máxima presencialidade posible en cumprimento das medidas sanitarias.

O Reitorado da USC asinou este mércores unha resolución en que dá a coñecer a forma en que arrincará o curso nos campus de Compostela e Lugo, e que estará supeditado ás condicións e recomendacións das autoridades sanitarias.

A norma xeral será, finalmente, a docencia presencial, aínda que haberá casos en que esta se combinará cunha fórmula semipresencial ou telemática cando non se poidan cumprir a distancia interpersoal de 1,5 metros na aula.

Esta cuestión dependerá das circunstancias de cada titulación e de cada centro, engaden, que á súa vez elaboraron os seus propios plans de continxencia e de adaptación das directrices xerais elaboradas pola USC ás súas características e particularidades.

Modelos adaptados

Na Universidadade da Coruña, pola súa banda, priorizarase a presencialidade en todos os centros, aínda que o modelo será híbrido (expositiva virtual e prácticas presenciais) en función dos espazos e o número de estudantes.

Cada facultade adaptou e reorganizou os seus espazos para que as aulas se preparen para acoller os alumnos e se respecte o metro e medio de distancia interpersoal, con rutas de entrada e saída, circuítos de circulación polos centros, medidas de ventilación, sanitarias e de hixiene.

A Uvigo tamén programou o curso segundo os distintos escenarios posibles, cun protocolo adaptado a cada centro e a dispoñibilidade do 'Campus Integra' para contar con modelos de docencia mixta e telemática.

Polo menos uns 18 graos serían 100% presenciais, mentres que o resto recorrerán a modelos de semipresencialidade.

Pola súa banda, organizacións estudantís, como ANEGA, advertiron de que estarán vixiantes ante este novo período, no que piden que non se caia nos erros rexistrados durante os meses de confinamento e se vele pola seguridade e benestar do alumnado, tanto na calidade de ensino, a avaliación como nas medidas sanitarias.