CRTVG

Buscar

As tres mulleres asasinadas serán enterradas esta tarde

Publicado o 18/09/2019 14:33

O goteo de persoas que pasaron pola capela ardente improvisada para apoiar os familiares foi constante dende que chegaron os restos de Sandra, Alba e María Elena onte á primeira hora da tarde para ser velados no auditorio municipal de Valga. Hoxe ás dez da mañá volvía abrir as portas e o primeiro en chegar foi o marido e o pai das vítimas acompañado de familiares. Logo estarían arroupados polos veciños que foron chegando e por psicólogos.

"O pai está roto, é unha pena. Morrerlle a muller e as dúas fillas todo xunto, iso é para tolear".

Aquel que o desexe terá ata as seis e media para achegarse. A esa hora celebrarase o funeral conxunto polas tres mulleres asasinadas nese mesmo auditorio municipal. A continuación, os seus corpos serán trasladados ao cemiterio de Campaña.

No lugar onde aconteceu todo, en Carracido, o silencio e a conmoción son absolutos. Ás primeiras persoas en achegarse ao lugar dos feitos aínda lles custa falar do sucedido.

"Os nenos dixeron que papá sacou unha pistola e matou a mamá".

Destacan tamén o carácter agresivo do asasino confeso, José Luis Abet, e mesmo relatan algún episodio violento con veciños.

"A unha señora de preto de 90 anos quería darlle con unha machada na testa. Tiven que botarlle a man e agarralo coa axuda do meu xenro. El dicía que a ía matar".

Neste terceiro día de loito oficial decretado no concello de Valga tamén se sucederán as concentracións en repulsa da violencia machista convocadas por colectivos feministas. Terán lugar a partir das oito da tarde nas principais cidades e vilas de Galicia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/09/2019