CRTVG

Buscar

Esta tarde enterran as tres mulleres asasinadas en Valga

Publicado o 18/09/2019 14:31

Desde que ás tres da tarde quedaba instalada no auditorio municipal de Cordeiro a capela ardente cos restos mortais de Sandra, Alba e María Elena, numerosos veciños e coñecidos pasaron por ela para apoiar a familia e mostrar as súas condolencias. Estará aberta ata as seis e media da tarde. Para esa hora está prevista a celebración do funeral e, a continuación, as tres mulleres serán trasladadas ao cemiterio de Campaña.

O concello de Valga segue de loito por este triplo crime machista en Carracido. As bandeiras ondean a media hasta no consistorio. Todas as actividades se suspenderon, pero os colexios mantiveron as clases para intentar facilitar a volta á normalidade dos máis pequenos. No instituto, a comunidade educativa gardou uns minutos de silencio en memoria das vítimas e para condenar os tres asasinatos.

No lugar onde aconteceu todo, en Carracido, dous días despois, os veciños continúan paralizados, entre a incredulidade, a rabia e a dor polo ocorrido. Só pensan nas súas veciñas mortas e tamén nos que quedan desamparados, o pai e marido das vítimas e sobre todo nos dous meniños que quedaron orfos.

"Estou mal por esas criaturas, sen nai, sen avoa. Isto é moi duro".
"Esta todo o mundo moi afectado, ata nin ves xente pola rúa. Isto é moito".
"É unha pena para toda a parroquia..., xa non podo nin falar".

Esta aldea de Carracido, de apenas unha vintena de casas, tardará moito tempo en esquecer a noticia que os converteu no centro da atención informativa de toda España.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/09/2019