CRTVG

Buscar

Inundacións, desprendementos e evacuacións en varias vilas da provincia de Ourense

Publicado o 09/07/2019 08:44

• Un home tivo que ser evacuado en helicóptero despois de quedar ferido arrastrado pola auga

• Na parroquia de Albarellos, en Monterrei, tiveron que rescatar persoas atrapadas

Inundacións, desprendementos e evacuacións en varias vilas da provincia de Ourense

Xa o advertían as previsións meteorolóxicas para Ourense. Foi esta unha tarde de ceos anubrados, chuvia, tronos, lóstregos e pedrazo en boa parte da provincia, dividida entre a alerta laranxa no leste e amarela no resto, por risco de chuvias intensas e treboadas.

A peor parte levouna a zona de Verín. Na parroquia de Albarellos en Monterrei a Garda Civil, os bombeiros, Protección Civil e todos os veciños que se prestaron como voluntarios tiveron que multiplicar esforzos para mesmo evacuar xente de vivendas cando viron que a auga comezaba a subir e corría como un río polo medio das rúas da aldea. Eses mesmos problemas repetíanse en Infesta ou Vilaza.

O 112 informa da evacuación en helicóptero dun home que quedou ferido logo de ser arrastrado pola auga. 

Na zona das Estivadas e de Guimarei, na A-52, o pedrazo complicou moito a circulación.

No Barco houbo asolagamentos de adegas e vivendas, e mesmo houbo que cortar o tráfico temporalmente na zona centro. Un desprendemento por mor da chuvia obrigou a cortar un carril na nacional 536 á altura de Coedo. En Laza ou na Gudiña as treboadas trouxeron chuvia e pedrazo. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí