CRTVG

Buscar

As toalliñas hixiénicas son o principal inimigo dos sistemas de sumidoiros

Publicado o 07/12/2017 14:54

As toalliñas hixiénicas son xa o principal inimigo dos sistemas de sumidoiros. A pesar de que algunhas delas din que son aptas para usarse no inodoro, a realidade é ben distinta. Vémolo en Ourense, onde comprobamos os estragos que poden chegar a provocar.

Dous operarios da estación de bombeo do Couto levantan as reixas que fan de filtro de entrada dos residuos nesta instalación. Ata aquí chegan o 90 por cento dos que xera a cidade de Ourense. O que nos atopamos cando esa barreira xa está izada é cunha pasta que ameaza con provocar un taponamento. As culpables son principalmente as toalliñas hixiénicas.

Cada dúas ou tres semanas teñen que realizar esta operación, que se fai á man, para evitar que as toalliñas acaben impedindo o paso das augas residuais. Se iso ocorrese, o problema sería maiúsculo, xa que a diario teñen que pasar por aquí uns 30 millóns de litros, e o custo das reparacións se as máquinas se estragasen sería enorme. Estes inconvenientes incrementáronse nos últimos anos. As toalliñas húmidas son máis empregadas, e a elas viñéronse sumar outras moi parecidas que aparentemente, ou iso din nos envases e na publicidade, se poden botar polo retrete. A realidade, e comprobámolo cun pequeno experimento, é que non é así.

Sumadas unhas a outras acaban por crear unha amálgama mostruosa, primeiro nas tubaxes das casas e despois nos sumidoiros baixo os nosos pés. A solución é tan doada como que cando se usen se tiren ao lixo e non polos inodoros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/12/2017