CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

As testemuñas de Salou non viron contacto entre o senegalés e un axente no balcón

Publicado o 17/08/2015 21:28




Declararon perante o xuíz en Tarragona as primeiras testemuñas do caso do senegalés que morreu en Salou mentres fuxía dos Mossos d'Esquadra. Os compañeiros de piso do "manteiro" admitiron que non viron forcexo ningún entre un axente e o senegalés antes de que o inmigrante caera polo balcón abaixo.

Van declarar no xulgado en Tarragona. Son testemuñas no caso do senegalés que morreu en Salou ao se precipitar polo balcón dun terceiro andar durante unha operación policial contra o top manta.

Os tres compañeiros de piso do falecido declararon que non viron contacto ningún entre o "manteiro" e un axente no balcón. Tamén o admitiu Babakar, quen asegurara ante os medios que houbera un forcexo.

Declarou ademais o irmán do falecido, que presentou unha denuncia que mantén porque dubida da versión policial. O senegalés guindou a súa mensaxe en catalán. "Falamos co xulgado o xusto e necesario. Nin máis nin menos." E repetíuno en castelán...

O xuíz citou tres testemuñas máis para este martes. Pretende dirimir se, como sosteñen os Mossos d'Esquadra, o home caeu do balcón mentres fuxía sen que existira contacto ningún cos axentes.

A tensión xerada por este caso relaciónase coas agresións, supostamente cometidas por "manteiros", que deixaron feridos sete axentes esta fin de semana en Barcelona. O Concello estuda reforzar a seguridade da Garda Urbana. "Policialmente, se hai que actuar actuarase, sen dúbida. Pero isto non vai resolver o problema para sempre."

A solución, din, ha de ir máis aló da policía.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

17/08/2015