CRTVG

Buscar

A defensa do cura de Trabada di que moitos fregueses tiñan acceso aos obxectos de culto

Publicado o 21/03/2019 14:20

Continúa o xuízo contra o ex-párroco de Trabada e Ribadeo acusado de apropiarse de obxectos de culto nas igrexas que administraba. Hoxe foi a quenda das testemuñas da defensa, que aseguraron que eran moitos os fregueses que tiñan acceso aos templos e que algúns deles transportaron e recolleron diferente material das parroquias. A fiscalía mantén a petición de catro anos de cadea para o ex-crego e ano e medio para o seu presunto cómplice.

O xuízo contra Emilio Silvaje e o seu suposto cómplice continuou hoxe na Audiencia Provincial de Lugo. A fiscalía pide para o ex-cura de trece parroquias de Trabada e Ribadeo catro anos de cadea por, presuntamente, apropiarse de todo tipo de obxectos que había nas igrexas con intención de se enriquecer. Na sesión desta mañá declararon as testemuñas da defensa. Dúas delas, monxas de clausura, fixérono por videoconferencia dende Ribadeo. As relixiosas aseguraron que Silvaje levou ao seu convento diferentes obxectos para que os arrombaran pero negaron que se tratara de algún dos que seguen desaparecidos. Tamén dixeron que, en ocasións, eran os fregueses os que ían recoller o material xa arrombado. A defensa de Silvaje insiste en que non hai probas de que o seu defendido se apropiase de nada.

Tamén declararon hoxe dúas freguesas de diferentes igrexas, as cales dixeron que houbo elementos que desapareceron moito antes e moito despois de que Silvaje exercera nas parroquias. Tamén aseguraron que moitos veciños tiñan acceso aos templos. Por outra banda, o principal acusado desculpouse ante o tribunal polo ton en que se expresou na sesión de onte, con continuas queixas sobre a instrución do caso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/03/2019