As termas de Ourense recuperan usuarios tras dúas semanas abertas
Despois de dúas semanas abertas, as termas comezan pouco a pouco a recuperar a normalidade.
O número de usuarios aumentou considerablemente desde que se permiten as viaxes entre provincias. Abriron cunha acollida reducida ao 30 por cento e agora traballan xa ao 70 por cento da súa capacidade.
"Abrimos agora fai quince días, a xente está respondendo moi ben, chamando para preguntar os horarios, están vindo e felicítannos polas medidas tomadas. Están a gusto", explica Ismael Domínguez, encargado das termas de Prexigueiro.
A pesar do aumento da acollida, non se relaxan as medidas de seguridade: o uso de mascaras é obrigatorio agás no circuíto termal, cada dúas horas desinféctanse os vestiarios e as duchas non están permitidas. Máis alá destas medidas, gózase da auga igual que se facía.