CRTVG

Buscar

As tensións comerciais protagonizan o inicio do cumio do G-7

Publicado o 24/08/2019 21:21

O incio oficial do cumio do G-7 estaba previsto para as sete e media da tarde, pero os líderes foron recibidos escalonadamente por Emmanuel Macron ata case unha hora despois nos xardíns do hotel du Palais, fronte ao mar. Previamente producíronse varias xuntanzas bilaterais, nas que se foron avanzando posibles puntos de confluencia nun clima marcado polas divisións.

Os que se perfilan como protagonistas a priori, o anfitrión Emmanuel Macron, e o presidente estadounidense, Donald Trump, reuníanse pouco despois das dúas da tarde. Trump tivo un papel polémico nas dúas xuntanzas anteriores do G-7, remarcando as diverxencias que o levaron a non subscribir o Acordo do Clima de París. Hoxe reafirmaba en Twitter o apoio ao presidente brasileiro Bolsonaro, depois de que onte Macron censurara a súa actitude en relación cos incendios da Amazonia.

Os catro líderes da Unión Europea presentes (Macron, Merkel, Johnson e Conte) posaron tamén conxuntamente a carón do presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, que lle leu a cartilla a Trump previamente en plan advertencia.

Nunha comparecenca ante os medios, Tusk amaeazou con represalias se os Estados Unidos lle impoñen aranceis a Francia polos seus viños e asegurou que Vladimir Putin non se reincorporará ao G-7 para converterse de novo en G-8.

En medio deste panorama, os países participantes teñen por diante unha ampla axenda temática: a recesión económica e os posibles estímulos para neutralizala, o brexit, a situación atómica de Irán, a guerra de Siria, os impostos aos xigantes de Internet, a loita contra a evasión fical, os fluxos migratorios e o cambio climático coa posibilidade de pactar unha carta pola biodiversidade. Un programa ambicioso que veremos se chega a bo porto pasado mañá, luns, ao remate do cumio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/08/2019