CRTVG

Buscar

As subas nos prezos da froita e da electricidade provocan un aumento do IPC

Publicado o 14/11/2019 09:16
As subas nos prezos da froita e da electricidade provocan un aumento do IPC

O índice de prezos de consumo (IPC) rexistrou en outubro unha suba interanual do 0,1 %, igual ao aumento rexistrado en setembro, ante a subida do prezo da electricidade e as froitas, que foi compensada pola baixada de carburantes e paquetes turísticos.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou a taxa adiantada hai dúas semanas, que mantén a inflación ao nivel máis baixo do últimos tres anos.

A inflación subxacente, que non ten en conta os elementos máis volátiles da cesta da compra (enerxía e produtos frescos), situouse no 1 %, case un punto por encima do IPC xeral.

En termos mensuais, o IPC subiu un 1 % con respecto a setembro, co que recupera impulso tras permanecer estable en setembro e caer en xuño, xullo e agosto.

Este avance responde ao encarecemento da roupa e do calzado pola chegada da tempada de inverno, dos alimentos e bebidas non alcohólicas pola subida do prezo da froita e da epígrafe de vivenda pola suba da electricidade.

Pola contra, foron á baixa o lecer e a cultura, polo descenso do prezo dos paquetes turísticos; os hoteis, cafés e restaurantes, polo abaratamento dos aloxamentos, e o transporte, pola diminución do prezo dos carburantes e lubricantes.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí