As súas maxestades de Oriente xa chegaron pola mañá para saudar os nenos
Os ollos dos máis pequenos refliten hoxe máis ca nunca a ilusión e a ledicia do día mais máxico do ano para eles. Coma sempre, son os que mellor se adaptan aos novos tempos e situacións. Madrugaron para ver de preto ás súas maxestades de Oriente, e deixarlles as súas cartas.
En Santiago, os Reis Magos recíbenos na igrexa de San Domingo de Bonaval, previa cita e acompañados dun só adulto. Unha alternativa que satisfai a grandes e pequenos.
Melchor Gaspar e Baltasar tiveron que reinventarse este ano para visitar todos os nenos galegos, e ademais de agasallos veñen cargados de agradecemento para eles. Baltasar, un dos máis queridos polos máis pequenos, trae ademais un desexo para todos.
Desde as 11 da mañá, tres séquitos reais percorren os barrios da Coruña para que ningún neno quede ser ver ás súas maxestades. A recomendación é non baixar á rua e velos desde balcóns e fiestras para evitar aglomeracións. Farán percorridos ata as 9 da noite.
Os nenos ourensáns teñen oportunidade de ver ás súas maxestades e un espectáculo teatral no Auditorio Municipal, tamén con reserva previa, pero coa ilusión intacta.