CRTVG

Buscar

As rúas de Santiago convértense nunha galería de arte sen portas

Publicado o 08/06/2019 14:24

As rúas de Santiago convertéronse, esta mañá, nunha galería de arte sen paredes. Un grupo de artistas e afeccionados pasearon por elas os seus traballos, para achegalos directamente ao seu público máis directo.

Luis Iglesias, afeccionado á arte, explica: "Non debemos esquecer que a arte é unha forma expresiva da nosa consciencia, tanto interior como da relación cos demais. Dende a prehistoria a arte foi fundamental para relacionarse entre as persoas e creemos que isto é unha mostra de chamar atención de que tamén se está aí".

A galería andante ou 'The Walking Gallery' é xa, logo de sete edicións, dende 2012, unha cita estable en Compostela entre artistas e o seu público. Os primeiros achegan e falan das súas liñas e cores e os segundos reciben esa interacción como un acercamento a un mundo de formas diversas e na mesma rúa, mentres fan vida.

Mari Olivares, artista e organizadora do evento, detalla que do que se trata é de "intentar interactuar co público... Pois pararemos, faremos reportaxes fotográficas e demais. E logo xa se o público se achega a preguntar e todo isto, pois nós, en definitiva, o que queremos é iso, darnos a coñecer, entón que vexan o noso traballo e os artistas que somos, que é do que se trata: sacar a pasear as nosas obras, hoxe".

Outra das artistas participantes, Ánxela Mariño, sinala que consiste en "un pouco en dar a ver a nosa obra... E sensibilizar a xente de que a arte é importante, sobre todo, nesta sociedade que, ás veces, non miramos para o que realmente son os sentimentos, o compromiso...".

Ao redor de vinte profesionais e afeccionados á pintura e a outras formas de expresión artística pasearon por Santiago as súas obras, convertendo a cidade nun espazo de arte, sen portas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/06/2019