CRTVG

Buscar

Avalíanse os danos tras as riadas que arrasaron Monterrei e Valdeorras

Publicado o 09/07/2019 16:51

• A altura da auga nas casas chegou a ser de 40 centímetros

• Infesta zona cero das devastadoras treboadas

• Morre un home a causa das inundacións na comarca navarra de Tafalla

As intensas chuvias caídas onte á tarde na comarcas ourensás de Monterrei e Valdeorras provocaron unha trintena de incidencias, segundo informa o 112.

O peor viviuse na localidade de Infesta onde a tormenta chegaba á media tarde causando considerables danos e sensación de caos. Segundo Meteogalicia, caeron na primeira grande tromba preto de 30 litros por metro cadrado en menos de dez minutos. Despois dunha segunda treboada o río desbordou inundando prácticamente todas as vivendas, naves e baixos que atopou no camiño.

Axentes da Garda Civil tiveron que evacuar ao lombo varios veciños de Infesta e Vilaza, nenos, maiores e mesmo animais, que quedaran atrapados pola auga dentro das vivendas. Unha muller e o seu home con alzhéimer foron rescatados co cazo dunha escavadora en Albarellos. Imaxes que falan da dureza dunha xornada en que os veciños din que pasaron moito medo

En Verín, os bombeiros rescataron unha muller encamada que quedara atrapada pola auga. A peor parte levouna un home que foi arrastrado pola riada en Guimarei e que se atopa en estado grave na UCI, despois de ser rescatado polos propios veciños e o helicóptero do 061.

Ademais, a tormenta provocou cortes de luz ata a madrugada en Infesta e Cualedro, e dificultou fortemente, sen chegar a cortar, a circulación na A-52 e na Nacional 525, onde as pedras de xeo impedían o paso dos vehículos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/07/2019