Entran en vigor as restricións na provincia de Ourense
A situación da pandemia estabilízase en Galicia, pero non en Ourense, onde a partir das doce da noite non se pode entrar nin saír sen unha causa que o xustifique. Hoxe o comité clínico explicou as razóns que levaron a adoptar estas restricións severas de mobilidade na cidade e no concello veciño de Barbadás.
A situación en Ourense é moi preocupante, cunha incidencia de contaxios nas dúas últimas semanas que case multiplica por cinco a media de Galicia. Un dos integrantes do comité clínico cualificouna de bomba vírica que non se daba controlado coas medidas implantadas ata o de agora. De aí que a partir das doce desta noite non se poida entrar na cidade e no concello limítrofe de Barbadás nin saír deles se non é por traballo, estudos ou motivos de saúde.
As autoridades sanitarias solicitan a colaboración da cidadanía. Insisten en que non se trata de castigar a ninguén senón de evitar dor e sufrimento.
A taxa de incidencia acumulada a 14 días, un dos criterios para recomendar restricións de mobilidade, é moi preocupante tanto en Ourense como en Barbadás. Catrocentos casos de coronavirus por cen mil habitantes, preto de cinco veces a media de Galicia.
Sergio Vázquez, do comité clínico sobre a covid−19: "Véndoo no mapa, era como unha bomba atómica, unha bomba vírica, que co centro desde Ourense e Barbadás ía estendéndose ao resto da comarca de Ourense e dos concellos limítrofes".
Os casos seguen aumentando, 70 novos nas últimas horas. Tamén a presión hospitalaria aínda que as autoridades insisten en que a capacidade de atención está garantida. Pero o comité clínico analiza as particularidades de cada gromo. E detectou que en Ourense a inmensa maioría dos contaxios se producen en reunións familiares entre non conviventes.
Non tratamos de xulgar nin castigar a ninguén, di outro membro do comité clínico. Son medidas preventivas baseadas na evidencia científica, asegura. E fai un chamamento á responsabilidade dos cidadáns para evitar máis sufrimento.
Ourense e Barbadás teñen desde as doce da noite do xoves as mesmas restricións de mobilidade que se aplicaron a principios do verán na Mariña. Daquela a colaboración cidadá permitiu reverter a situación en pouco máis de dúas semanas.
Podes consultar todas as medidas no DOG.