CRTVG

Buscar

As residencias rexistran 10.696 falecidos en España, 174 en Galicia

Publicado o 15/04/2020 21:09

O coronavirus estase cebando sobre todo cos maiores das residencias. Madrid, con 4.250 falecidos, é a comunidade máis afectada, séguea Cataluña, con case 1.900, e Castela e León, con 1.800. As Canarias e as Baleares son as que rexistran un menor número de falecementos de maiores nas residencias. Galicia, con 174 anciáns mortos, ocupa o undécimo posto.

A Comunidade de Madrid é a rexión de España máis afectada en canto a falecementos por coronavirus nas residencias. Os últimos datos apuntan que morreron 4.250 anciáns, á gran maioría non se lle fixo a proba de diagnóstico, pero presentaban síntomas compatibles coa COVID-19.

Cataluña é a segunda comunidade con máis falecementos. Suma 1.898. Castela e León é a terceira, con 1.802 mortos. A cifra facilitada por esta comunidade inclúe tamén os decesos nas residencias de discapacitados.

Pola contra, as Canarias, as Baleares e mais Murcia son as rexións con menos anciáns falecidos nas residencias. Son 8 nas Canarias, 36 nas Baleares e 53 en Murcia.

En Galicia son 174 os maiores que morreron. Deses 174, 92 faleceron no propio centro e 82 en hospitais ou nas residencias integradas.

Galicia é a undécima comunidade en canto a anciáns usuarios de residencias falecidos en España con coronavirus.

Esta estatística é en termos absolutos e se se compara o número de maiores falecidos en residencias por millón de habitantes, Navarra é a comunidade máis afectada, Madrid descende ata a terceira posición e Cataluña pasa da segunda á sétima.

A situación de Galicia apenas varía, descende un posto, e pasa a ser a duodécima comunidade.

Noticias web

15/04/2020