CRTVG

Buscar

As residencias de maiores volven "á vida normal"

Publicado o 16/06/2021 16:19

• Retómanse as comidas e actividades en grupos e acábase coas limitacións de saídas e visitas | Seguen vixentes as normas preventivas de hixiene e o uso de máscaras

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este mércores que, desde o próximo sábado, "todas as residencias da terceira idade poden volver á vida normal", pero cumprindo uns "requisitos mínimos".

Nunha visita á residencia pública Volta do Castro, en Santiago de Compostela, Núñez Feijóo anunciou que, tras o "éxito incuestionable da campaña de vacinación" entre os maiores de Galicia, é momento de que "a vida prepandémica volva reinar nas residencias".

Deste xeito os usuarios de residencias e de centros de día poderán "volver á vida en comunidade" retomando as comidas xuntos e as actividades ordinarias en grupos.

Tamén se acaba coa limitación de saídas dos residentes, así como ás restrinxidas visitas dos familiares. Estes poderán acudir aos centros residenciais "todos os días" pero coa recomendación de que, preferiblemente por cuestións de aforo, sexan dous visitantes por residente.

Á súa vez, retomaranse as saídas socioculturais para visitar centros de interese en compañía do persoal da residencia.

No referente aos centros de día, recuperaranse os roteiros de transporte colectivo a pesar de que desde a Consellería de Sanidade séguense aconsellando os desprazamentos individuais.

Ao mesmo tempo, tamén se pon fin ás obrigacións do persoal: enquisas epidemiolóxicas ou medidas de prevención como cambiar o calzado e a roupa en cada saída ao exterior.

Con todo, seguirán vixentes as normas sobre o lavado continuado de mans e o uso frecuente de xeles hidroalcólicos ou as máscaras no interior e exterior dos centros.

En todo caso, estas flexibilizacións non afectan os maiores que non rexeitasen vacinarse, "nese caso evidentemente non podemos expoñelos ao virus", explicou aínda que destacou en que na maioría das residencias a totalidade dos maiores si están inmunizados.

Para o presidente galego pódese dicir que "a pandemia acabou nas residencias" que foron un dos puntos máis preocupantes durante a crise sanitaria. "Hoxe inauguramos un novo momento da pandemia e dámola por finalizada nas residencias e nos centros de día" de forma que, agora os maiores galegos son os "precursores da finalización da pandemia" en Galicia, despois de que tamén o fosen da campaña de vacinación ao converterse "na mellor campaña publicitaria das vacinas" ao acudir "a vacinarse sen dúbidas" desde o primeiro momento.

 

Noticias web

16/06/2021