CRTVG

Buscar

As residencias de maiores galegas contabilizan 725 casos activos de coronavirus

Publicado o 21/11/2020 14:01

Estabilízanse os contaxios no centro de maiores de Vilalba, onde hai catro novos positivos, tres deles residentes, co que a cifra total de infectados no centro ascendería este sábado a 136.

O centro da Terra Cha, con 136 positivos, sería xunto a a residencia Doral de Mos, que ten 131, o xeriátrico con maior afectación de coronavirus en Galicia. Este sábado soben o número de infectados nos centros de maiores galegos. Hai 484 usuarios contaxiados, 27 máis ca onte.

Un aumento que se debe, sobre todo, a un novo gromo detectado na residencia Vila do Conde de Gondomar, con 22 infectados, 21 deles son usuarios. A consellería de Política social referíase á intervención por parte da Xunta do centro de Vilalba, co obxectivo de dotala do persoal necesario.

"O noso deber é continuar apoiando todas as persoas maiores, curándoas se se contaxian de coronavirus e previndo na medida do posible a entrada do virus nas residencias, xa que temos que ser todos conscientes de que o risco cero non existe mentres non haxa unha vacina", afirmou a conselleira de Política Social, Fabiola García. "A Xunta pon todos os medios materiais e humanos a disposición das residencias e dos traballadores para sacar adiante as persoas maiores", engadiu.

Noticias web

21/11/2020