CRTVG

Buscar

Falecen cinco residentes do centro DomusVi de Cangas nun só día

Publicado o 31/03/2020 22:22

A Xunta agarda coñecer os resultados dos tests de coronavirus que se fixeron nas residencias DomusVi de Vigo e Cangas para empezar a trasladar os anciáns a outros centros. Onde máis casos detectados hai é na de Cangas.

Un total de cinco residentes do xeriátrico DomusVi de Cangas faleceron ao longo deste martes, dous no mesmo centro e outros dous no hospital, informaron fontes da Xunta. A cifra de usuarios deste centro contaxiados por coronavirus elévase a 108, e a de traballadores, a 17. Esta residencia e a de Barreiro (Vigo), tamén rexentada por DomusVi, son as dúas primeiras que interveu a Xunta ante a evolución dos contaxios nas últimas xornadas.

As cifras publicadas este mediodía pola Consellería de Política Social elevaban o total de contaxios nas residencias de Galicia a 457, 346 entre usuarios, e 11 entre traballadores, e a 22 o número de residentes falecidos. Neste reconto non se incluían os cinco falecidos e os cinco novos contaxios no centro de Cangas, principal foco de infección por coronavirus de toda a comunidade autónoma.

O número de residencias de maiores en Galicia con polo menos un contaxio situábase ao mediodía en 34, á espera de coñecer os datos das últimas horas, que se darán a coñecer mañá mércores. No tocante aos centros de discapacitados, a cifra de contagios elevouse ata os 63, 37 entre usuarios e 26 entre coidadores. O CAPD de Redondela acumula 40 positivos, 25 entre usuarios e 15 entre profesionais, mentres que no de Sarria as cifras disparáronse nas últimas horas e xa se contabilizan sete entre usuarios e nove entre traballadores.

 

Noticias web

31/03/2020