CRTVG

Buscar

As redeiras poderán optar a unha axuda máxima de 450 euros pola caída da actividade durante o estado de alarma

Publicado o 29/06/2020 18:31
As redeiras poderán optar a unha axuda máxima de 450 euros pola caída da actividade durante o estado de alarma

O plan da Xunta para a reactivación do sector marítimo pesqueiro inclúe axudas por un total de 400.000 euros para as redeiras, un colectivo que non puido beneficiarse da prestación por cesamento de actividade durante o estado de alarma e que poderán optar a un pago único de 450 euros en compensación pola crise do coronavirus.

A medida foi anunciada este luns pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante unha reunión mantida con representantes das redeiras de Porto do Son (A Coruña), onde presentou a liña para este colectivo incluída no plan Avantemar, dotado cunha inxección global de 77 millóns de euros en apoios ao sector marítimo pesqueiro. 

Quintana destacou a importancia de "dar cobertura a estes profesionais", especialmente os que, segundo detalla a Xunta nun comunicado, "non se ven beneficiados polas achegas e medidas deseñadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao amparo da modificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para facer fronte á pandemia".

Poderán acceder a estas axudas as redeiras autónomas e asociadas a algunha entidade que desenvolveran a súa actividade no ano anterior á data da presentación das solicitudes e que quedaran excluídas do cesamento de actividade durante o estado de alarma.

Noticias web

29/06/2020