CRTVG

Buscar

As rebaixas de verán comezan animadas, pero con altibaixos por mor do tempo

Publicado o 28/06/2021 20:53

Había tempo que non se observaba tanto movemento na rúa do Paseo, a rúa comercial por excelencia de Ourense, e iso que o tempo non axuda. O inicio das rebaixas coincidiu co relaxamento das medidas contra a pandemia, e iso notouse na actividade comercial, que experimentou unha repunta nos últimos días. Tamén axuda o feito de que se celebren aquelas vodas e comuñóns que se foron atrasando no último ano.

Angélica está repoñendo mercancía. O inicio das rebaixas baleiroulle a tenda.

Angélica Rodríguez, de Angélica Moda: "Vendeuse un montón, baleiráronme o stock, o almacén... E agora imos comezar a vender a nova colección".

Pero o seu entusiasmo non é xeneralizado. Entre o empeoramento do tempo e o efecto psicolóxico da covid, as vendas avanzan con altibaixos.

Germán Alzola, vendedor de 4 elementos: "Tamén a xente aínda está cun pouco de medo por se retrocedemos".

Hoxe hai quen aproveita, precisamente, o respiro tras unha fin de semana con picos de masificación.

"Estamos hoxe de rebaixas porque parece que hai menos xente, aproveitando para ver un pouco as tendas". "Si, ademais, agora que empeza o bo tempo, hai que renovar o armario", comentan dúas compradoras.

Un dos motores da temporada están a ser os eventos, adiados durante meses pola covid.

Angélica Rodríguez: "Entre as comuñóns que se adiaron do ano pasado, máis as deste ano, empeza a haber un montón de eventos. Para comuñón vendemos moito e en xullo e agosto, moitas vodas. Nós xa vendemos un montón para vodas".

Quedan por diante dous meses de rebaixas, nos que o sector confía en recuperar algo das perdas sufridas no último ano.

Noticias web

28/06/2021