CRTVG

Buscar

As protestas recrúan no Líbano para esixir un goberno que saque o país da crise económica

Publicado o 19/01/2020 10:35

Máis de 200 persoas quedaron feridas de distinta gravidade en Beirut en choques entre forzas de seguridade e manifestantes, que convocaron protestas baixo o lema "sábado da rabia" para esixir a formación dun novo Goberno e outras medidas para paliar a crise financeira. Algúns dos manifestantes lanzaron pedras, bengalas e cócteles molotov, mentres que os efectivos da Policía empregaron gases lacrimóxenos, pelotas de goma e canóns de auga para dispersalos.

Unha agrupación de activistas que participou no movemento de protesta desde o seu comezo o 17 de outubro asegurou a través das redes sociais que "o pobo non se deixa intimidar polo Goberno opresivo", e pediu aos manifestantes que exerzan presión en todas as entradas do Parlamento. O primeiro ministro dimisionario, Saad Hariri, denunciou a través de Twitter os enfrontamentos e actos de sabotaxe, advertindo que ameazan a "paz social" do país e asegurou que non se vai permitir que Beirut volva ser un lugar de "destrución e frontes de combate", en referencia á guerra civil (1975-1990), cando a cidade estaba dividida en zonas por seitas relixiosas.

As protestas no Líbano reaviváronse esta semana, despois dun parón debido ás festas do Nadal e á designación dun primeiro ministro encargado de formar Goberno, tras a renuncia a finais de outubro de Hariri. Con todo, Hasan Diab non conseguiu aínda formar o seu gabinete, que os manifestantes esixen que sexa tecnócrata para que saque o país da profunda crise económica, cos bancos que aplican límites á retirada de divisas e con falta de liquidez no sistema desde hai meses nun país fortemente endebedado. 

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/01/2020