CRTVG

Buscar

As protestas polos baixos prezos no campo chegan a Madrid

Publicado o 05/02/2020 09:01

As asociacións agrarias trasladan hoxe as súas protestas a Madrid. Ás once e media concéntranse ante o Ministerio de Agricultura. O Goberno convocou os distribuidores de alimentos na busca dunha solución aos baixos prezos que cobran agricultores e gandeiros. E anunciou unha reforma da Lei de Cadea Alimentaria para impedir as vendas a perdas.

Baixo o lema "Agricultores ao límite", e tras unha semana de mobilizacións en varias comunidades autónomas, a protesta do campo chega a Madrid. O sector agrario e gandeiro denuncia unha situación insostible vencellada, sobre todo, á caída dos prezos en orixe e á suba dos custos de produción, e coa ameaza ademais de recortes dos fondos da PAC.

"A nós increméntannos os custos cada ano e temos prezos de hai 30 anos en moitos sectores", din desde os sindicatos agrarios.

Agricultores e gandeiros ven, por tanto, perigar o futuro do campo ante a baixa rendibilidade que ten hoxe en día. Por iso, piden fixar un prezo xusto por lei que cubra gastos de produción, que se reequilibre a cadea agroalimentaria para evitar os abusos por parte das empresas da industria e a distribución.

O sector agrario foi, precisamente, o que rexistrou a maior suba de paro no mes de xaneiro, máis dun 6%, case tres puntos nun ano. Incremento que o Goberno vincula á estacionalidade dalgúns cultivos e non á suba do salario mínimo.

Na busca de solucións á crise do sector, o Ministerio de Agricultura reuniuse coas asociacións agrarias e convocou produtores e distribuidores. O Goberno estuda reformar a Lei da cadea alimentaria de 2013 para combater as prácticas de competencia desleal e as vendas a perdas.

Luis Planas, ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación: "Se non traballamos dunha forma coordinada, a través dun diálogo de todas as partes implicadas en relación coa problemática dos prezos e da súa volatilidade no sector agrario e gandeiro, vai ser moi difícil saír da situación".

O ministro reúnese o xoves cos produtores de oliva. Mentres non haxa medidas concretas, o calendario de mobilizacións continúa. Para a semana que vén, as protestas serán en Murcia e Andalucía.

Noticias web

05/02/2020