CRTVG

Buscar

As protestas dos agricultores e gandeiros esténdense a Andalucía e Castela e León

Publicado o 30/01/2020 16:33

É a provincia que máis aceite produce en España. Os olivicultures de Xaén din que non aturan máis cuns prezos tan baixos, e por iso cortaron as catro autovías que cruzan a provincia. Culpan as grandes distribuidoras, o brexit e os aranceis nos Estados Unidos, e esíxenlle ao Goberno medidas para reverter a situación. A súa queixa non está illada: en Zamora, Burgos e Salamanca botaron este xoves os tractores á rúa en demanda de ingresos dignos.

"Os prezos que se están pagando en moitos dos nosos produtos non cobren os custos de produción" "Está pasando o que non pasou nunca no campo e é que estamos empezando a vivir do crédito. E cando iso pasa, estamos abocados á desaparición" "Necesitamos unha de dúas: prezos xustos ou bonificacións no sector, xa sexa evitando recortes na PAC ou bonificando os agricultores fiscalmente para que poidamos competir a nivel internacional".

O Goberno cre que no malestar conflúe tamén a preocupación ante as negociacións da política agraria común en Bruxelas, a climatoloxía e un exceso de produción.

Luis Planas, ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, cre que "que haxa unha expresión pública de reivindicacións paréceme absolutamente natural e lexítimo. E a inmensa maioría desas preocupacións eu mesmo as comparto como ministro".

Os sindicatos apuntan a que en moitos sectores, os ingresos do agricultor están ata un 11% por debaixo do salario mínimo.
 

Calvo, disposta a buscar melloras para agricultores, pero condena a violencia

A vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, expresou a disposición do Executivo para buscar melloras ante as demandas dos agricultores, pero condenou as actitudes violentas na manifestación deste mércores en Estremadura e que atribuíu a unhas minorías.

Calvo referiuse ás demandas dos agricultores e a esa manifestación en Don Benito (Badaxoz) con altercados entre os participantes e a policía, en declaracións aos xornalistas tras a inauguración en Madrid dun  memorial en homenaxe ás vítimas españolas do nazismo.

Ao exporlle como se compaxina a subida do salario mínimo interprofesional co conflito do campo, a vicepresidenta asegurou que todo se pode compaxinar desde as actitudes pacíficas. Pero precisou que nunca pode facerse con quen se expresa "de maneira minoritaria e violenta" ante situacións absolutamente naturais en democracia como a negociación e o acordo dos axentes económicos e sociais.

Casado pide que a policía "pondere a resposta" nas protestas de agricultores

O presidente do PP, Pablo Casado, pediu este xoves aos mandos políticos da Policía Nacional que "ponderen a resposta" nas manifestacións de agricultores tras os altercados que se produciron en Badaxoz e que "a moitos españois preocupoulles".

Casado, que visitou unha almazara en Huévar del Aljarafe (Sevilla), mostrou o seu "pleno respecto" á Policía Nacional e aos seus axentes, xa que lembrou que "o que fan é cumprir instrucións". Asegurou que o PP sempre vai estar preto do mundo rural, pero botou en falta que nuns momentos "tan críticos" como os actuais o Goberno se poña do seu lado, xa que "se hai manifestacións e  almazaras paradas é porque a situación é límite".

"Polo menos hai que respectar o dereito dos produtores a manifestar a súa preocupación", opinou. Lembrou que aos baixos prezos se suma unha crise  arancelaria "inédita" desde hai moito tempo en España, unha modificación dos custos laborais e unha previsión de modificación dos custos fiscais "que fan aínda máis difícil que este sector poida subsistir".

Noticias web

30/01/2020