CRTVG

Buscar

As proclamas do 8-M sentíronse en cidades de todo o mundo

Publicado o 09/03/2020 09:40

A axenda internacional do feminismo pasa por recuperar os dereitos das mulleres en todo o mundo. Desde México, un dos países con taxas máis altas de feminicidio, ata A Arxentina, onde os abortos clandestinos provocan ducias de mortas en clínicas non autorizadas. Tamén houbo marchas en lugares como Paquistán e Alxeria, onde ás mulleres aínda lles resulta moi difícil manifestarse pola Igualdade.

Ciudad Juárez, pero tamén Cidade de México, centraron onte as reivincación do 8 de marzo en frear os feminicidios. Houbo marchas moi numerosos, que chegaron ás portas do Pazo Presidencial, onde se produciron algúns incidentes protagonizados por un pequeno grupo de manifestantes. O Goberno destinou 500 mullleres policías para o control da marcha.

O Río de Xaneiro tamén se uniu masivamente ás marchas mundiais o Día das Mulleres. Alí demandaron iguladade laboral e salarial e interpelaron a toda a sociedade, homes e nenos, para que se impliquen na construción dunha sociedade igualitaria.

No Uruguai tamén houbo manifestación multitudinaria polas rúas de Montevideo.

Conseguir unha lei de prazos como a que hai na maioría dos países europeos é unha das principais marcas da axenda feminista na Arxentina. As mulleres demandan o apoio decidido do Estado para frear a violencia.

Tamén as mulleres de Santiago de Chile se uniron á onda do feminismo que está a ser revulsivo para o cambio cara á igualdade en América do Sur.

Situacións aínda máis complicadas vívenas en Alxeria, onde as mulleres se manifestaron no medio dun férreo cordón policial; ou en Paquistán, onde grupos islamistas increparon e mesmo lles tiraron pedras ás manifestantes, dicíndolles que os seus corpos pertencen a Alá. Un grupo de 500 mulleres e homes conseguiron finalmente facer realidade a concentración.

Alemaña e o Reino Unido uníronse tamén ao impulso de feminismo desde Europa, onde este ano se fixo fincapé na visibilización do traballo dos coidados.

Noticias web

09/03/2020