CRTVG

Buscar

As probas PCR faranse nas primeiras 24 horas con síntomas da COVID-19

Publicado o 04/05/2020 22:11
As probas PCR faranse nas primeiras 24 horas con síntomas da COVID-19

As probas PCR faranse nas primeiras 24 horas dende que os pacientes presenten síntomas, segundo a estratexia de diagnóstico, vixilancia e control da COVID-19 acordada esta tarde polo Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, segundo confirmaron fontes próximas á reunión. 

A estratexia está enmarcada no Plan para a Transición cara a unha Nova Normalidade e ponse en marcha na fase 0, que comezou este luns en toda España agás en catro illas. O ministro de Sanidade, Salvador Illa, presentóullela aos conselleiros autonómicos no Consello Interterritorial de Saúde. 

Esta mañá, Illa xa indicara en conferencia de prensa que para poñela en práctica era necesario reforzar os servizos de atención primaria das comunidades, que deberían dispor de suficiente "capacidade de test" a través de probas PCR para identificar e facer vixilancia a través dos centros de Saúde daquelas persoas que fosen diagnosticadas positivamente. 

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, informou pouco antes da intención do ministerio de reducir a un máximo de 48 horas o prazo para identificar un caso sospeitoso de coronavirus. Actualmente pasan entre 10 e 15 días dende que unha persoa desenvolve síntomas ata que recibe o diagnóstico da enfermidade. 

Tamén consideran "imprescindible" reforzar a capacidade de detección a través da atención primaria, mediante probas PCR, as máis fiables para a detección do virus e cuxos resultados tardan varias horas, ou outras técnicas equivalentes de diagnóstico.

Os centros de saúde terán que realizar un labor de vixilancia e identificación de todos os contactos estreitos, segundo informou o ministerio nun comunicado. Salvador Illa indicou que "as comunidades autónomas deberán reforzar todos os sistemas de información para que poidamos ter unha adecuada transmisión de datos".

O obxectivo da estratexia é dar resposta á capacidade de detección precoz, o illamento de novos casos sospeitosos e confirmados, e mais a vixilancia e diagnóstico dos contactos estreitos, que constitúen o eixo central para poder acometer a fase de transición cara á desescalada coa "máxima garantía", sinala o ministerio.