CRTVG

Buscar

Portugal, o primeiro país da UE que impón de novo o toque de queda pola cuarta vaga

Publicado o 03/07/2021 19:03

Os habitantes das cidades principais de Portugal, como Lisboa, Porto, Braga ou Faro, teñen prohibido circular pola rúa desde este venres entre as 23 e as 05 horas, un toque de queda aplicado polo Goberno para frear o avance dun virus dominado polo variante delta da covid. En total, a restrición afecta a 45 das 278 comarcas do país, é dicir, a 4 dos algo máis de 10 millóns de habitantes portugueses. A medida abarca a toda a área metropolitana de Lisboa, a rexión lusa con maior incidencia da covid nesta cuarta onda.

Non haberá exencións, todas as persoas, incluso as vacinadas ou con certificado covid, terán o deber de permanecer en casa confinadas nesa franxa de seis horas. O obxectivo, insisten no executivo luso, é evitar masificacións e reunións con moitas persoas, especialmente pola noite. De momento, os arquipélagos portugueses de Madeira e os Azores líbranse destas restricións.

Ademais, segue vixente a medida adoptada hai tres semanas polo Goberno coa que se prohibe a entrada e saída de persoas na área metropolitana de Lisboa, de 15:30 horas do venres ás 05 horas do luns. Neste caso, si hai algunhas excepcións, entre elas as persoas que xustifiquen algunha causa de forza maior ou as que estean vacinadas ou teñan o certificado dixital.

A Dirección Xeral de Saúde (DGS) de Portugal notificou 2.436 novos contaxios de covid en todo o país, dos que o 56 % se rexistraron na rexión de Lisboa e o 22,7 % na zona norte portuguesa. O número de ingresados creceu nas últimas 24 horas en 23 persoas, ata os 532 hospitalizados, dos que 118 (5 máis que onte) permanecen en coidados intensivos. A incidencia a 14 días subiu ata os 189,4 casos por cada 100.000 habitantes e o índice Rt, que mide as persoas que contaxia cada infectado, tamén sobe ata 1,16. A maior incidencia do país rexístrase en Lisboa e o Algarve, co concello de Lisboa en 595 casos, segundo os datos actualizados hoxe pola DGS.

As cidades principais do Algarve, unha das zonas máis turísticas do país, tamén dispararon a súa incidencia, especialmente Albufeira, que ten a maior incidencia de Portugal, con 823 casos por cada 100.000 habitantes.

 

 

 

 

Noticias web

03/07/2021