Primeiras horas de confinamento e restricións para atallar o brote na Mariña
Primeiras horas de confinamento na Mariña. A área sanitaria ten restrinxidos os movementos dende a pasada medianoite, ademais, reforzáronse as medidas sanitarias para frear o brote que rexistrou xa máis dun cento de casos confirmados.
Os primeiros controis xa vixiaron o tránsito dende os catorce concellos que foron confinados no norte de Lugo por mor do abrocho de COVID-19 e tamén cara a eles.
Está prohibido entrar e saír do distrito sanitario, salvo por causas xustificadas, e incluso se recomenda non moverse do municipio de residencia. Nos transportes privados permítense dúas persoas por fila. Nos públicos, hai que deixar un asento libre entre viaxeiros a non ser que sexan conviventes. O uso de máscara non só é obrigado en interiores e exteriores. Tamén hai que poñela correctamente.
Amplíase a distancia de seguridade nas praias. Redúcense as capacidades de bares, terrazas, lugares de culto, piscinas, feiras, teatros, cines, casinos... á metade, o cincuenta por cento de ocupación. Ás doce da noite todo deberá estar pechado. Segue sen abrir o ocio nocturno e tampouco haberá festas, verbenas ou outros eventos populares. As reunións sociais, de máximo de dez persoas, e velorios cun límite de 25 asistentes ao aire libre e 10 no interior. En calquera caso, para calquera actividade, non máis de 60 persoas en lugares pechados nin de 150 en exteriores. As probas de acceso á universidade, ás que están convocados máis de 300 alumnos, seguen en pé.
No DOG publicado o domingo á tarde que explica estas medidas tamén se fai referencia ao dereito ao voto como causa xustificada para entrar e saír da zona restrinxida e con mención especifica ás persoas en corentena.
Estas restricións, que afectan a máis de setenta mil persoas, serán avaliadas de novo, segundo a orde do DOG, nun período non superior a cinco días naturais.