CRTVG

Buscar

As primarias lexislativas na Arxentina reforzan o presidente Macri

Publicado o 14/08/2017 09:05

Unha doce vitoria despois de conseguir, contra todos os prognósticos, facerse tamén coa provincia de Bos Aires, onde competía coa ex-presidenta Cristina Fernández de Kirchner

O Goberno de Mauricio Macri sae reforzado da última elección tras vencer nos principais distritos electorais do país. Unha doce vitoria logo de conseguir, contra todos os prognósticos, facerse tamén coa provincia de Bos Aires, onde competía coa ex-presidenta Cristina Fernández de Kirchner.

O oficialismo aproba o seu primeiro exame coas urnas e revalida o apoio da cidadanía 19 meses despois de entrar no Goberno. Incluso no tradicional bastión peronista, a provincia de Bos Aires. 

Os candidatos oficialistas gañaron en boa parte das provincias do país, entre elas as que conteñen maior cantidade de votantes. Un gran resultado con que Mauricio Macri consolida o seu poder e afronta os seguintes meses con maior tranquilidade. 

Na provincia de Bos Aires, distrito clave por conter un 37 % do padrón, produciuse un empate técnico entre o aspirante do Goberno e a ex-presidenta e pre-candidata a senadora nacional, Cristina Fernández de Kirchner.

Unha pelexa voto a voto no corredor final do escrutinio onde a ex-mandataria, favorita nas sondaxes, consigue un mal resultado no tradicional bastión peronista, logo dun ano marcado polos procesamentos xudiciais que a rodean. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/08/2017