CRTVG

Buscar

As prazas de abastos toman medidas de prevención contra o coronavirus

Publicado o 18/03/2020 15:17

Conos con cintas, carteis, extremar a hixiene e todos mantendo a obrigada distancia. Son as medidas de prevención ante o coronavirus que tamén chegaron ás prazas de abastos

Pedro da Fonte Presidente da Asociación de Vendedores da praza de Lugo: "Foi a partir do luns e case o martes cando a xente empezou a concienciarse, porque, por exemplo, o sábado foi un pouco caótico, non se respectaba ao cento por cento as medidas de separación, a xente aínda non se fixera á ida de que tiña que cumprir eses requisitos, agora estamos vendo que si".

Ana Doldán, vendedora: "Estes días non estamos deixando qu se toque nada. Todo o tocamos con luvas, temos xel desinfectante, xabón...As medidas hixiénicas coidámolas moito".

O que si denuncian os vendedores da praza é que non se lles está a facilitar os equipos de protección individual e que teñen que se buscar a vida por eles mesmos.

Gonzalo Abad, vendedor: "E despois o tema de que non damos conseguido máscaras, non conseguimos luvas, é moi complicado conseguir o material. Témolo pedido ao Concello".

Hoxe víase pouco movemento nesta praza de Lugo, unha das máis concorridas da Coruña. Os vendedores, sobre todo os do marisco, afirman que as vendas descenderon moito, de feito varios postos xa están pechados. E algún máis está pensando o mesmo

Gonzalo Abad, vendedor: "Eu, de feito, estou pensando se abri para a fin de semana, porque as vendas baixaron nun 80% do normal, temos moita mercadoría perecedoira e ao final non compensa abrir".

Todo o contrario pasa nos postos da froita e tamén na venda en liña.

"O que aumentou moito foi a venda en liña. Entón, estes días os que temos venda en liña non paramos, non paramos".

Eduardo Sanjurjo, Kibus venda en liña: "Nós de momento estamos sen problemas de abastecemento non no mercado, nin do servizo, pero si é certo que crecemos moito con clientes novos e clientes habituais".

Esta situación de estado de alarma está a mudar o xeito de comportarse por parte dos consumidores no mercado, aínda que tamén queda alguén despistado.

Noticias web

18/03/2020