CRTVG

Buscar

As praias de Galicia prepáranse para recibir os primeiros bañistas de fóra da comunidade

Publicado o 20/06/2020 15:40

A partir deste domingo agárdase que comecen os días de moita afluencia de xente, por iso, nas praias de Vigo despregaranse as cintas divisorias para que en cada cuadrícula non haxa máis oito persoas, tamén se regularán os fluxos de entrada e saída para que os bañistas non coincidan de fronte. A Policía, Protección Civil e os socorristas e tamén os quioscos de bebidas xa están operativos. Este verán haberá que incorporar recomendacións novas ás habituais de cada ano. 

Na Coruña, as cinco praias urbanas con bandeira azul están xa preparadas para recibir os bañistas coas máximas garantías de seguridade. A próxima semana xa funcionarán os arcos de acceso, que miden o nivel de ocupación dos areais.

En Vilagarcía, a praia de Compostela permanecerá pechada ao baño durante toda a fin de semana, xa que antes do luns non se coñecerán os resultados das análises das novas mostras de auga recollidas. 

A Xunta acaba de presentar a primeira campaña turística posterior á covid-19. Leva o lema Galicia Volve e protagonízaa a actriz Benedicta Sánchez. A mensaxe da campaña é que a nosa terra é un destino seguro e preparado para recibir os visitantes cos brazos abertos.