CRTVG

Buscar

Pechan as praias da Coruña tras superar a ocupación no primeiro día de controis

Publicado o 22/06/2020 18:56

As praias da Coruña chegaron na tarde deste luns ao límite de ocupación, no mesmo día en que entrou en funcionamento o sistema de control da acollida nos areais mediante cámaras de videovixilancia e arcos con semáforos nos accesos, informan fontes municipais.

O sistema de control de ocupación comezou a funcionar este luns nas praias de Riazor, Orzán e Matadoiro, cuxa capacidade global –nos tres areais- varía entre as 4.000 e as 8.000 persoas aproximadamente, dependendo das mareas. Con todo, a súa posta en marcha é polo momento “de proba” e aínda non se poden ver os datos en tempo real na web municipal, que se habilitará nos próximos días.

Por tanto, as persoas que se achegaron esta tarde ás praias debido ao bo tempo decatáronse ao ver o semáforo en vermello de que a ocupación estaba completa. Nas súas redes sociais, o Concello informou de que Seguridade Cidadá procedeu a pechar temporalmente os accesos “a todos os areais da cidade ao superarse a súa ocupación” e “co fin de evitar desprazamentos indebidos”.

O sistema de control, con sensores que contan as persoas que acceden e abandonan as praias, comezará a funcionar tamén no resto dos areais da cidade que teñen bandeira azul antes do 24 de xuño. Este martes comezarán a colocarse os paneis informativos dixitais que estarán vinculados coa web municipal onde tamén se mostrarán os datos informativos da capacidade dos areais.

A ocupación máxima de Riazor, o Orzán e o Matadoiro oscilará entre as 4.000 e as 8.000 persoas dependendo das mareas.

Código decores en Vigo

En Vigo tamén hai que atender ao codigo de cores. As cintas vermellas delimitan o espazo para tomar o sol; as verdes, o acceso á praia, e as brancas para as zonas de paso.

A ocupación máxima do Vao e Samil é de 25.000 persoas.

En Vigo, o concepto de praia segura deu un paso máis. Prohíbese fumar e comer nos 52 areais do Concello. As mesas de Samil serán retiradas.

Aos que infrinxan as normas pasaralles o mesmo que as mesas: serán desaloxados pola Policía Local.

Noticias web

22/06/2020