CRTVG

Buscar

As Pontes vive hoxe unha xornada de folga cun seguimento total

Publicado o 16/10/2019 15:13

As Pontes é hoxe unha vila practicamente pantasma. Comercio e hostalería, pechados. Tamén as sucursais bancarias e as empresas dos dous polígonos industriais de Penapurreira e Os Airios, pechados baixo sete chaves.  Non hai escolas nin veciños pola rúa. Todos, os de aquí e os que están en Madrid, comparten unha mesma voz. Reclaman do Goberno central unha transición ecolóxica xusta e ordenada.

Seguimento total dunha xornada de paro nunha comarca que medrou parella á actividade de Endesa. As reixas dos negocios están botadas, as empresas pararon desde esta noite e non hai actividade nos centros de ensino. A maior parte dos vecinos están en Madrid e os que quedaron queren mostrar o seu apoio con esta imaxe de rúas baleiras. Antonio Sueiro. empresario: "Que saiban que As Pontes achegou moito a Galicia e tamén a España, porque a central das Pontes é a máis grande de España. Nós queremos que isto siga tendo futuro".

No Concello, un pequeno grupo de camioneiros e as súas familias manteñen o peche iniciado hai case mes e medio. Séntense apoiados polos veciños e agardan que a súa voz se escoite hoxe en Madrid. 

Esperanza Soto: "Sentímonos apoiados. Isto está onde ten que estar, en Madrid, e a xente apoiándonos aquí".

Javier Bermúdez, transportista do carbón: "Terá que tomar medidas quen sexa. Que se entere o Goberno do que está pasando aquí".

Canda As Pontes tamén se suman esta xornada de mobilización as zonas de Ferrol e de Vilalba. En xogo hai 700 empregos directos e milleiros de indirectos que reclaman futuro para as comarcas.

Noticias web

16/10/2019