CRTVG

Buscar

As Pontes mobilízase contra o peche da central térmica

Publicado o 30/12/2019 08:51

O comité de crise das Pontes reúnese ás doce deste mediodía para analizar a situación actual logo de que Endesa presentase a solicitude para pechar a central térmica. A compañía comprométese a garantir os empregos e a continuar coas probas das alternativas de combustión. Sen concretar data, está pendente unha nova reunión no Ministerio para avaliar os resultados destas probas.

As Pontes mobilízase para escorrentar a incerteza que xera a confirmación da noticia que levaba meses temendo. Tras oitenta anos instalada no lugar, a central térmica pecha por mor dos novos requirimentos de contaminación e o encarecemento da materia prima que fixeron minguar a súa rendibilidade. Non é competitiva, di Endesa. En catro anos, prevese que estea desmantelada. A enerxética propón substituír os 1.500 megawatts que a central producía coa enerxía térmica por enerxía eólica e comprométese a garantir os 174 empregos da central e un plan de recolocación.

Miguel Temboury, director de Endesa no Noroeste"Endesa priorizará a contratación destes traballadores nas obras de desmantelamento que empezarán, previsiblemente, en 2022. Tamén priorizará a contratación destes traballadores nos proxectos de enerxías renovables que se leven a cabo en Galicia".

Uns compromisos dos que recea o comité de empresa das Pontes, que segue apostando por encontrar unha enerxía alternativa como a biomasa para que a central siga funcionando.

Marcos Prieto, vicepresidente do comité de empresa de Endesa: "A empresa garante a empregabilidade, que non os postos de traballo. A nós o que nos preocupa non é só o noso posto de traballo. Preocúpannos os nosos compañeiros, a contorna e o que queda detrás".

O comité de empresa reclámalle ao Goberno e á Xunta de Galicia que velen para repetir as probas de emprego de biocombustibles e testificalas para comprobar a súa viabilidade.

No comité de crise que se reúne este mediodía están representados os grupos políticos, os sindicatos, os empresarios, os comerciantes e os transportistas do carbón, colectivo que xa anunciou que despois de Reis retomarán o peche no Concello.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/12/2019

Máis sobre As Pontes de García Rodríguez

As Pontes 7-0 Pontellas
17/02/2020 11:09