CRTVG

Buscar

As Pontes sae de novo á rúa contra o peche da central de Endesa

Publicado o 30/12/2019 20:57

Arredor dun milleiro de persoas volveron concentrarse desde as 20,30 horas deste luns na praza do Carmen das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) para demandar unha "transición xusta" e que non se execute un peche "abrupto" da central térmica que ten na localidade a compañía Endesa, cuxa dirección solicitou ao Goberno o cesamento da actividade.

Convocados polo grupo de traballo do que forman todos os grupos municipais con representación no Concello das Pontes, sindicatos, transportistas do carbón, comité de empresa de Endesa, empresarios e comerciantes; os veciños da localidade e comarca volveron ás rúas para mostrar o seu rexeitamento ao peche da planta.

Nesta concentración estivo presente o alcalde deste municipio, Valentín González Formoso (PSOE), que trasladou que as probas previstas neste complexo enerxético coa utilización de biocombustibles atrásanse "ata o mes de febreiro, para poder acometelas xa coa reforma realizada ao longo dos últimos anos". A continuación, indicou que que Endesa "investiu 218 millóns de euros para poder cumprir a normativa europea" neste proceso, polo que considera que se trata "dun sinsentido máis".

González Formoso estimou que a central térmica asentada na súa localidade "é viable" coa utilización da mestura de carbón e outros materiais, como biomasa e restos de lodos, polo que pediu "a colaboración de todo o mundo que ten que ver nun proxecto deste tipo". "É necesario esixir e pelexar por urxencias que son inmediatas, como o compromiso de recolocación a aqueles que agora mesmo teñen máis dificultades, como son os camioneiros e os empregados das auxiliares", remarcou.

Tamén destacou a implicación que están a ter todas as administracións á hora de buscar unha solución, desde "o Concello, a Xunta e o propio Ministerio de Transición Ecolóxica".

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/12/2019