CRTVG

Buscar

A Revista

As pinturas renacentistas de Santa María de Miño

Publicado o 13/10/2017 13:08

Santa María de Miño é unha parroquia de Chantada, na Ribeira Sacra. Hai uns anos descubríronse na súa igrexa unhas pinturas do século XVI consideradas únicas en Galicia. Os traballos de restauración finalizaron hai un par de meses, e hoxe podemos contemplar as pinturas en todo o seu esplendor.

Nas terras interiores da Ribeira Sacra, Galicia parece recoñecerse na súa paisaxe e reconciliarse consigo mesma.

No tempo de outono, cando a natureza prodiga cores e aromas doces e acedos, é o mellor momento para visitar estes lugares da comarca de Chantada que rega o pai Miño: as terras do Cabo do Mundo.

O Cabo do Mundo forma unha penínusla alongada, coroada polo monte Navallo. É un elevado promontorio que o río Miño sortea, para seguir o seu curso, trazando unha órbita rotunda arredor del.

No extremo oeste da península está Nogueira de Miño, asentamento antigo,

onde se ergue a igrexa románica de Santa María, que foi edificada no século XII.

Hai uns anos, unhas filtracións de auga puxeron ao descuberto un extraordinario segredo. Debaixo das paredes encaladas atopouse un conxunto de pinturas murais que os expertos non dubidaron en datar no século XVI, un tempo de renovación e profundos cambios na vida e na arte que coñecemos como o Renacemento. A importancia do achado fixo que a Xunta de Galicia tomara cartas no asunto e decidira salvar e restaurar uns frescos de gran calidade pictórica considerados únicos en Galicia.

Toda a fábrica de cantería do interior do templo está pintada: os muros, o arco toral e a ábsida da capela maior. Hai escenas da vida e paixón de Cristo, a Anunciación, a oración na Horta das Oliveiras, o bico traidor de Xudas, o episodio da flaxelación, a secuencia de Cristo camiño do Calvario, axudado por Simón de Cirene a levar a cruz...

Na escena da resurrección, unhas mulleres, desoncertadas, atopan o sepulcro baleiro. Nun dos laterais do arco toral está representado o misterio da Trindade. No outro lateral, o martirio de San Sebastián sobrecolle polo seu realismo. A Virxe María, glorificada e coroada como unha raíña, sobe ao ceo.

O Xuízo final aparece representado no muro enlucido, á esquerda do altar. É un mural grande e elocuente, fiel á narración que fai San Xoán no libro da Apocalipse. O xuízo final recorda a pintura renacentista italiana de frescos que, a finais do século XIV, iniciara en Italia o gran mestre toscano Giotto di Bondone. Unha técnica nova que acabaría por revolucionar a mesma concepción da arte.

Os murais da igrexa de Nogueira, de acusadas trazas maneiristas, amosan a delicadeza e cualificación artística dos seus autores anónimos. Toda a obra forma un conxunto pictórico coherente, de gran beleza e colorido.

A igrexa foi transformada e ampliada ao longo do séculos, aínda que non perdeu a súa estrutura orixinal nin moitos dos elementos da súa orixe románica.

A partir de agora estas fermosas paraxes do Cabo do Mundo teñen un aliciente máis para ser visitadas e admiradas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

13/10/2017