CRTVG

Buscar

O Goberno mobiliza 200.000 millóns contra os efectos do coronavirus

Publicado o 18/03/2020 11:02

Pedro Sánchez, presidente do Goberno, anunciaba "que imos mobilizar ata 200.000 millóns de euros, preto do 20% da nosa capacidade de produción económica, do noso PIB, a maior mobilización de recursos da nosa historia democrática”.

Ou o equivalente ao 20% do noso PIB. Desa cifra, a metade, 100.000 millóns serán avais para que as empresas non queden sen efectivo. Sánchez garante que “o Estado español vaille proporcionar ao tecido empresarial toda a liquidez que precise, toda”.

Outros 17.000 millóns serán para axudar a colectivos que sufran o golpe da freada da economía. O Goberno axilizará os expedientes temporais de regulación de emprego nas empresas afectadas. Nese tempo, o empresario non terán que cotizar polos traballadores. O xefe do executivo explicou que “adicionalmente, os traballadores terán dereito á prestación contributiva por desemprego aínda que non cumpran o período de cotización previa esixido”.

Ademais, durante ese período, manterán a cero o contador do paro. Tampouco os autónomos terán que pagar as cotas á Seguridade Social mentres estean sen actividade. Os útimos 83.000 millóns do plan procederán de fondos privados. Sánchez fai un chamamento ao empresariado: “teñamos en conta estasmedidas, que non se despida aos traballadores, porque esta é unha crise conxuntural, temporal”.

Noticias web

18/03/2020