CRTVG

Buscar

As pernoitas nos hoteis galegos medraron un 6,72% no mes de xullo

Publicado o 23/08/2019 13:28

• Ata 546.620 turistas pasaron por establecementos de Galicia o mes pasado, dos que 139.000 eran estranxeiros

As pernoitas nos hoteis galegos medraron un 6,72% no mes de xullo

Os hoteis galegos rexistraron case 1,23 millóns de pernoitas no mes de xullo, o que supón un 6,72% máis en comparación co mesmo mes do ano anterior, segundo datos difundidos este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

No ámbito estatal, as pernoitas realizadas en hoteis españois incrementáronse un 1,6% nos sete primeiros meses do ano respecto ao mesmo período de 2018. Só no mes de xullo os hoteis españois rexistraron máis de 43,2 millóns de pernoitas, o que supón un 1,1% máis que no mesmo mes de 2018.

En Galicia, as pernoitas rexistradas o mes pasado ascenderon a un total de 1.226.597 fronte ás 1.149.410 rexistradas en xullo de 2018, un 6,72% máis. Tamén se rexistrou un aumento en relación ao mes anterior, cando as pernoitas ascenderon a un total de 866.936.

 


En canto ao número de viaxeiros, ascendeu a un total de 546.620 no mes de xullo, unha cifra que o ano pasado se situou, no mesmo período, en 508.165, o que supón un aumento do 7,57% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. O dato de viaxeiros tamén supuxo un incremento respecto a xuño deste ano cando se contabilizaron un total 459.911.

De acordo cos datos publicados polo INE, un total de 407.611 viaxeiros españois aloxáronse en establecementos hostaleiros en Galicia durante o mes de xullo deste ano. Mentres, foron algo máis de 139.000 os procedentes de países estranxeiros. A estancia media situouse en xullo en 2,24 noites por viaxeiro.

Ocupación

Por outra banda, en xullo cubríronse o 53,61% das prazas ofertadas, sendo as provincias de Pontevedra e da Coruña as que concentran a maior porcentaxe. O grao de ocupación por prazas na fin de semana situouse no 62,14%.

O número de establecementos hostaleiros que estaban abertos no mes de xullo en Galicia foi de 1.735, unha cifra que se se compara co mesmo mes do ano anterior, rexistra unha variación do 0,75%. O número de prazas estimadas nestes establecementos hostaleiros situouse en 72.314. En comparación co mesmo mes do ano anterior, variou un 0,5%.

En canto ao persoal empregado, os hoteis contaban con 9.178 persoas, que supón unha variación de 5,83% en comparación co mesmo mes do ano anterior.

Prezos

De acordo cos datos do INE, a facturación media diaria dos hoteis por cada cuarto ocupado foi de 102,8 euros en xullo, o que supón un aumento do 1,7% respecto ao mesmo mes de 2018, mentres que o ingreso medio diario por habitación dispoñible, condicionado pola ocupación rexistrada nos establecementos hostaleiros, alcanzou os 76,9 euros, cunha subida interanual do 2,5%.