Dende a tristeza ata a irritabilidade, a pegada emocional da pandemia afecta a todas as idades
O ano pasado, no peor do confinamento, Ramón encontrou en Tobi a súa táboa de salvación.
"Eu como tiña o can, cando foi a pandemia sacábao dúas ou tres veces", explica Ramón, que asegura que "era máis liberado, nese sentido, viña por aquí pola alameda e paseábao".
Ramón sobreviviu así á súa vivencia da pandemia. Dunha ou doutra maneira, o illamento, a incerteza ante o futuro e ver a vida ameazada provocan os seus efectos na saúde mental.
Hai persoas que leva mal a soidade, outras séntense tristes e ata hai quen recoñece que tiña medo e non saía á rúa.
Soidade, medo ou tristeza son as cargas emocionais da pandemia.
Ana María Núñez é coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias do COPG, e afirma que a pandemia "repercute nas nosas emocións. Énos máis dificil regular as nosas emocións. Entón é máis fácil que estallemos nunha ira, nun enfado, ou que nos botemos a chorar por cousas que noutras circunstancias serían como insignificantes".
A que se deu en chamar fatiga pandémica afecta tamén á infancia e á adolescencia.
"Estase vendo moito en nenos e adolescentes que lles costa moito manter a atención, que cando se poñen a estudiar non son capaces de concentrarse, que teñen un esgotamento e unha desesperanza de cara ao seu futuro moi grande", explica Ana María Núñez.
As voces expertas en saúde mental insisten na necesidade de aceptar eses sentimentos negativos como normais, porque o anormal é a situación que estamos a vivir.