CRTVG

Buscar

As partidas dos presupostos do Estado para Galicia: menor investimento con clarescuros

Publicado o 29/10/2020 15:29

Coñecemos xa a cifra de que presupostos xerais do Estado van destinar a Galicia. Son 832 millóns de euros. O investimento cae o 11 por cento con respecto ao deste ano, e é a cifra máis baixa dos últimos 15 exercicios.

Os presupostos medran noutras comunidades. Destacan as subidas orzamentarias en Cataluña ata un 48 por cento, en Valencia, máis do 57 por cento, ou en Murcia, onde o incremento supera o 83 por cento. Galicia é unha das autonomías que menos fondos recibe do Estado.

Os números xustifican que Galicia vexa o vaso medio baleiro. Somos unha das comunidades que menos recibimos do Estado, 832 millóns de euros. E isto nun momento de moito gasto pola necesidade de reactivar unha economía fortemente danada pola pandemia.

Os presupostos prevén continuar cos traballos da autovía Santiago-Lugo, pero nada din das variantes da nacional 550, a que vai da Coruña a Tui. Recollen o traxecto do Ave Lubián-Ourense, pero non contemplan reformas para eliminar as curvas da autovía Vigo-O Porriño ou para facer a autovía de Monforte a Ponferrrada.

Hai presuposto para iniciar o proxecto do Corredor Atlántico de Mercadorías. Pero non hai nada consignado para a renovación da liña ferroviaria Ferrol-A Coruña. As contas recollen unha vella reivindicación, o saneamento da ría do Burgo, pero deixan sen investimento o tren a Langosteira.

As contas deixan no caixón algunhas demandas da comunidade e impulsan outras, como a rebaixa dos pagos na AP-9 ou a liberación da peaxe de Redondela. 

Destes investimentos do Estado en Galicia falaron hoxe os grupos políticos. O BNG cre que son mellorables pero poñen en valor elementos como a rebaixa de peaxes na AP-9. Os socialistas galegos piden que os nacionalistas e o PP voten no Congreso a favor destas contas do Estado.

O presidente da Xunta considera que as contas do Estado prexudican as clases medias e as empresas en plena pandemia. Alberto Núñez Feijóo cre que os presupostos do estado son unha mala noticia para Galicia.

 

 

Noticias web

29/10/2020