CRTVG

Buscar

As parroquias de Villestro e Figueiras, en Santiago, piden a execución da concentración parcelaria

Publicado o 09/01/2020 14:34

As bases definitivas para a concentración parcelaria da zona de Villestro-Figueiras, pertencente ao rural do concello de Santiago, levan publicadas desde 2009. Desde aquela, a Xunta Local que agrupa a maioría dos arredor de mil trescentos propietarios de terreos de monte destes lugares solicitou en distintas ocasións a súa execución, máis cando xa está feita a concentración de terreos de uso agrícola desde hai décadas. En total, a concentración afectaría mil cincocentas hectáreas repartidas en 14.000 terreos. Mil destes propietarios referendaron hai pouco o seu compromiso para sacala adiante.

Dez anos despois, seguen sen resposta desde os responsables autonómicos. Mentres non se fai a concentración, non poden solicitar axudas da Unión Europea. Din que levan anos perdendo cartos. Queren solucionalo e darlle rendibilidade ao seu monte, sanealo, valorar o rural e potenciar as posibilidades turísticas, cinexéticas e de explotación de árbores autóctonas. E co minifundio imperante, sen pistas e con accesos asilvestrados, é difícil.

O Camiño de Santiago discorre por estas parroquias entre eucaliptais e monte sen limpar. Aos propietarios das leiras lindeiras gustaríalles embelecelo, por exemplo, plantando árbores autóctonas nas beiras. Igual que farían preto dos núcleos de poboación para que esas árbores servisen de barreiras contra os incendios forestais, como o que sufriron en 2006.

Noticias web

09/01/2020