CRTVG

Buscar

As outras causas pendentes do Chicle

Publicado o 12/11/2019 08:37

Nesta sala de vodas dos xulgados de Santiago, Xosé Enrique Abuín Gey volverá acaparar esta mañá todas as miradas e será centro da atención informativa. Unha trintena de medios de comunicación de toda España están acreditados para relatar minuto a minuto o xuízo por un dos crimes máis mediáticos da historia recente de Galicia.

O Chicle volve a estes xulgados de Fontiñas para responder polo rapto, asasinato e presunta violación de Diana Quer. Un caso, inicialmente de desaparición, que se resolvera tras o intento de secuestro da moza en Boiro, o día de Nadal de 2017. A pesar de que o Chicle sabía que a Policía sospeitaba del, e que mesmo lle facían seguimento, en decembro dese ano, Enrique Abuín baixou a garda e cometeu o erro que levaría á súa detención.

En abril deste ano sentaba no banco dos acusados. Hoxe volverá ver a cara do pai de Diana Quer neste mesma sede da Audiencia Provincial da Coruña. Foi a exposición dos feitos dese ataque de Boiro a que revelou o modus operandi do Chicle.

Nas conclusións finais, o Ministerio Fiscal perfilaba o modo de actuación que mantivo o Chicle tanto no caso de Boiro como no de Diana. Fala de impulso, que non arrebato, e planificación.

Paralelo fora tamén, aparentemente, o móbil de ambos os dous ataques. O asalto de Boiro non fora por razóns económicas. O Chicle rexeitara os cartos que a vítima lle ofrecera e el tentara quitarlle o móbil para que non puidese pedir a axuda. No caso de Diana, chegara guindar o seu teléfono na ponte de Taragoña.

Finalmente, Enrique Abuín foi condenado a 5 anos e un mes de cárcere polos delitos de detención ilegal, lesións e tentativa de agresión sexual. Actualmente, cumpre condena de dous anos e medio por narcotráfico, ata xuño de 2020. Cando saltou o seu nome co caso de Diana Quer, xa era un vello coñecido das forzas de seguridade, sobre todo na comarca da Barbanza, onde lembran o seu pasado en que se dedicara ao marisqueo furtivo pero tamén participara en descargas de droga, polas que cumprira condena.

Á parte destes dous casos, ten pendente unha terceira causa. Porque o Xulgado de Instrución número 2 de Noia acordaba o pasado 20 de abril reabrir o proceso xudicial iniciado no seu día por un presunto delito contra a liberdade sexual contra a irmá xemelga da súa muller. Uns feitos sucedidos en 2005, cando a vítima tiña 17 anos. Ela chegara a retirar a denuncia porque non a creran. A xuíza decidiu reabrir o caso ao ver similitudes no modus operandi entre estes feitos e os que rodearon o crime de Diana Quer, que se van relatar polo miúdo nas seguintes dúas semanas.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/11/2019