As oposicións de Educación comezarán o 19 de xuño
Xa hai data para a maior convocatoria de oposicións de Educación da historia de Galicia. Alberto Núñez Feijóo anunciou tras o consello da Xunta que se van celebrar a partir do 19 de xuño e ofértanse máis de 2.300 prazas.
Milleiros de galegos están pendentes destas oposicións, que se tiveron que adiar pola pandemia e que agora se van celebrar aplicando un rigoroso protocolo de seguridade que permita cumprir con todas as garantías sanitarias.
O Consello da Xunta tamén abordou a planificación do monte galego para as vindeiras dúas décadas. Regúlae o eucalipto: dunha banda vanse limitar as novas plantacións e doutra permítese reforestar con esta especie calquera terreo de Galicia que xa estea plantado.
Feijóo dixo que se trata "de garantir o dereito a seguir plantando de forma legal o eucalipto, pero mandar parar porque xa non necesitamos máis". Engadiu que se seguimos plantanto se producirá unha "disminución constante e continúa do prezo".
O obxectivo do plan é garantir un modelo sostible de monte, por iso se van potenciar as plantacións de piñeiro, castiñeiro e outras frondosas autóctonas. Preténdese que as especies autóctonas ocupen unha superficie de máis de 400.000 hectáreas en 2040.